Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

(As palabras dos galegos. Millán Picouto)

Monólogo do desertor


INFORMACIÓN

Título:Monólogo do desertor
Disco:Concerto en Taragoña (1978)
Letra:Celso Emilio Ferreiro
Música:Suso Vaamonde
Voz:Suso Vaamonde

ESCOITAR / DESCARGAR

CARÁTULA DO DISCO

Farto de pasar fames
e de aturar miserias,
maldixen ao Caudillo
que a patria desgoberna
e que ten a Galicia
sumida na probeza.
Dempois, collín un barco
e vinme a Venezuela.
Eiquí fixen de todo
e paseinas moi negras.
Comín bazofia abondo,
dormín baixo as estrelas,
vivín nun rancho inmundo
feito de latas vellas.

Foron pasando os anos,
gañei unhas cadelas,
alcontrei un buraco
e puxen unha tenda.
¡Que gran descubrimento
iste da compra-venda
Ti compras a catorce
e vendes a coarenta.
Despachas coma lebre
calquer gato que mercas.
A lei do toma e daca
é máis que lei: é cencia.
Todo o que suma é bo;
malo, todo o que resta.

Salvo as letras de cambio
sobran todas as letras.
Leer é perigoso
pois o que lee pensa,
i o que pensa remata
tendo malas ideas.
Eu sin coller un libro
acadei a riqueza,
teño televisión,
teño carro e neveira,
mrquei na Cruña un piso
presto cartos a rendas,
xanto carne a diario
e, si un día se tercia,
non deixo de beber
unhas cantas cervexas.

Son un home importante
anque a moitos lle pesa.
Defendo ao gran Caudillo
i a súa patulea
pois gracias ás súas leises
medrei en Venezuela.
Esquecinme da língoa
que se fala na terra,
agora digo 'okey'
e paseime ás dereitas,
ao lado dos señores
ricachós a mancheas
que combaten aos roxos
i a toda esa ralea
que quere apoderarse
das nosas perteñencias.
Pra min están moi lonxe
a fame i a miseria.

Si os galegos pretenden
resolver os problemas
non hai por que alterarse,
a cousa é moi sinxela:
que saian polo mundo
e poñan unha tenda.


Para facer unha nova busca, preme aquí.