Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

(As palabras dos galegos. Millán Picouto)

As palabras dos galegos


INFORMACIÓN

Título:As palabras dos galegos
Disco:As palabras dos galegos (1998)
Letra:Millán Picouto Igrexas
Música:Suso Vaamonde
Voz:Suso Vaamonde

ESCOITAR / DESCARGAR

CARÁTULA DO DISCO

As palabras dos galegos
que no berce ouvín soar
son aladas como o vento
e profundas como o mar.

Terra, luz, carballo, chuvia,
eira, sulco, eixada, mao,
souto, lúa, vento, moucho,
praia, lóstrego, peirao.

Lévoas todas baixo a língoa
porque a miña língoa son,
língoa que ergo en pensamento
e mergullo en corazón.

Certos lurpios, por ser ela
guarda fiel de todo o meu,
hoxe queren afastarme
desta língoa que son eu.

Hoxe queren silenciarma
os moi túzaros. Mañá
por enriba dos seus ombros
outro galo cantará.

Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

Ben eu sei que tal Estado
non é máis que un monstro vil
que me rillará, se o deixo,
cada óso e cada ril.

Mais en medio do desmando,
até a língoa me arrincar,
brotarei por cada poro
novecentas a leriar.

Alfabeto en avalancha
contra a lei e contra aquel
que o falar me fan difícil
e o vivir me fan de fel.

Con fusís e con xulgados
moi potentes eles son,
mais non poden contra a forza
das palabras en acción.

Para facer unha nova busca, preme aquí.