¡Alma rexional e ardente
canta anque che coste bágoas!
¡Teus cantares son semente!

(Saraibiñas. Ramón Cabanillas)

Cronoloxía


  • 1950

    Nace o 20 de decembro na aldea de Regodobargo (Ponte Caldelas). A súa nai é mestra de escola nesa aldea; o seu pai é empregado de comercio en Pontevedra. El será o maior de sete irmáns.

  • 1955

    Comeza a cursar a ensinanza primaria en Pontevedra, no Colexio Sagrado Corazón de Jesús.

  • 1958

    A familia Vaamonde trasládase a Amil (Moraña), onde a nai de Suso traballa como mestra de escola.

  • 1961

    Comeza os estudos de bacharelato en Vigo, no Colexio Apóstol Santiago.

  • 1963

    A familia Vaamonde instálase definitivamente en Vigo.

  • 1966

    Forma o grupo musical Os Copens, palabra argallada a partir dos nomes dos seus membros (Corbacho, Petote, Espino, Nolo e Suso). Fai as súas primeiras actuacións en varios guateques de Vigo.

  • 1967

    Fai a súa primeira cantiga en galego (un poema dun amigo titulado Muller galega), da que non se conserva gravación.

    Coñece a un amigo chamado Xan Bouzada e a raíz desa amizade forma o trío musical Marco Balorento, co que consegue o seu primeiro galardón. O grupo desaparece un ano despois.

  • 1968

    O 9 de maio celébrase unha reunión no bodegón do Hotel Compostela de Santiago na que se sentan as bases da nova canción galega: monolingüe, social e belixerante. Nesa reunión bautízase o colectivo co nome de Voces Ceibes.

    O 1 de decembro celébrase un recital do cine Capitol de Santiago presentado por Manuel María e no que actúa o colectivo Voces Ceibes, formado nese momento por: Benedicto García, Xavier González del Valle, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas, Guillermo Rojo e Miro Casabella.

  • 1970

    O 20 de decembro celébrase en Vigo un Festival da Cantiga Ibérica, no que participan a Coral de Coimbra, Paco Ibáñez, Xerardo Moscoso, Miro Casabella e Suso Vaamonde.

  • 1971

    Suso Vaamonde entra no colectivo Voces Ceibes da man de Xerardo Moscoso.

  • 1972

    Viaxa a Madrid e grava o tema Romance de cego de Pedro I o inundador, que aparecerá no disco colectivo Cerca de mañana.

    O 10 de marzo, mentras ofrece un recital en Madrid, entérase dos asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla nunha manifestación en Ferrol.

    Comeza o servizo militar na mariña do Ferrol.

  • 1973

    Pola súa condición de cantor galego e comprometido, pasa 10 meses nunha brigada disciplinaria e 3 meses no cárcere militar de Carranza (O Ferrol). O seu servizo militar prolóngase ata os 21 meses.

  • 1974

    A finais de ano desmémbrase o colectivo Voces Ceibes.

  • 1975

    Viaxa a Barcelona e grava o casete clandestino Loitando, que distribúe personalmente.

  • 1977

    O 3 de abril participa nun altercado no que se lanzaron ovos a Juan Pardo nunha actuación en Vigo.

    O 28 de outubro grava no cine Veiga de Moaña o disco en directo Nin rosmar un laído, coa colaboración de Pilocha, Verbas Xeitosas e Fuxan os Ventos.

  • 1978

    Xunto a Verbas Xeitosas, ofrece numerosos recitais arredor da xeografía galega: 26 de marzo en Melide, 17 de maio en Santiago, 27 de maio en Sigras; etc.

    Participa xunto a Verbas Xeitosas no disco colectivo contra a pena de morte ¡Abolición! co tema Romance de cego in memoriam de Federico García Lorca.

    Colabora con Carlos Guitart na creación do selo discográfico Limoeiro, pertencente á discográfica Dial Discos.

    En setembro publica o disco infantil Os soños na gaiola, galardoado co premio "Disco Infantil do ano" polo Ministerio de Cultura.

    En outubro viaxa por primeira vez a Venezuela.

  • 1979

    Produce co selo discográfico Limoeiro a obra Contos galegos para nenos.

    En maio publica o disco Limiar, centrado na temática da emigración.

    O 3 de xuño participa nun recital antinuclear celebrado na Praza da Ferrería de Pontevedra. Un tenente do exército chamado Azoara Lamata, asistente ao recital, denúnciao por engadir a seguinte estrofa ao tema popular Uah!: Cando me falan de España / sempre teño unha disputa / se España é miña nai / eu son un fillo de puta. Pasa 26 horas en comisaría.

    A finais de xuño viaxa por segunda vez a Venezuela, desta vez co grupo A Roda.

  • 1980

    O 26 de xaneiro publícase no Boletín Oficial de Pontevedra unha requisitoria para Suso Vaamonde no Xuzgado número 1 de Primeira Instancia e Instrución.

    En xullo publica o disco monográfico Celso Emilio Ferreiro na voz de Suso Vaamonde.

    O 21 de novembro é xuzgado en Pontevedra polo delito de "ultraje a la Nación española, realizado con publicidad" (art. 123 do Código Penal de 1944). O fiscal solicita unha pena de seis anos e un día, pero deixa ao criterio do Tribunal a posibilidade de condonala.

    O 22 de novembro viaxa a cantar a Alemania.

    O 25 de novembro a Audiencia Provincial de Pontevedra confirma a sentencia de seis anos e un día. Suso atópase en Hamburgo (Alemania) e o seu irmán Luis Vaamonde infórmalle da sentencia por teléfono.

    O 26 de novembro viaxa a cantar a Londres.

    O 9 de decembro compón en Londres o tema Lonxe.

    O 15 de decembro asina en Pontevedra a aceptación da sentencia para poder apelar ao Tribunal Supremo.

  • 1981

    O 10 de xaneiro grávase en Madrid o disco de sete pulgadas Lonxe/Miña nai.

    O 18 de marzo escolle o camiño do exilio a Venezuela.

  • 1982

    O 9 de marzo a Sala Segunda do Tribunal Supremo ve o recurso de casación interposto contra a sentencia da Audiencia Provincial de Pontevedra. O abogado defensor solicita a absolución ou, en todo caso, o indulto particular para Suso Vaamonde.

    En sentencia datada o 22 de marzo e publicada o 11 de maio a Sala Segunda do Tribunal Supremo declara non haber lugar ao recurso de casación e confirma a sentencia inicial de seis anos e un día. No entanto, estímase excesiva a pena imposta e solicítase ao Goberno unha proposta de indulto parcial que deixe reducida a mesma a tres anos de prisión menor.

    O 15 de maio Suso Vaamonde é nomeado coordinador da Secretaría de Cultura na Irmandade Galega de Caracas.

    O 18 de outubro o entonces ministro de xustiza, Pío Cabanillas Gallas, desestima a redución da condena nunha carta dirixida a Araceli Polo, nai de Suso.

  • 1983

    O 27 de febrero Suso Vaamonde viaxa a Portugal para participar os días 2, 3 e 5 de marzo nos recitais en apoio ó seu caso celebrados en diferentes puntos da xeografía portuguesa (Porto, Braga, Lisboa).

    O 11 de marzo a asociación Amigos da Cultura presenta no Goberno civil unhas cincocentas firmas solicitando ao Ministerio de Xustiza o indulto para Suso Vaamonde.

    O 20 de marzo celébrase en Vilanova de Cerveira (Portugal) un almorzo de confraternidade con Suso Vaamonde, que volve para Venezuela aos poucos días.

    O 22 de abril a comisión de xustiza do Parlamento Galego aproba, a petición do deputado Camilo Nogueira, unha proposición non de lei pola que se solicita ao Goberno central o indulto para Xosé Carlos Abal e Suso Vaamonde.

    O 2 de xuño, aproveitando o encontro de Felipe González coa colectividade española en Caracas, Suso Vaamonde pídelle unha solución para o seu caso.

    O 20 de xuño Camilo Nogueira entrevístase con Luis Antonio Burón Barba, fiscal xeral do estado, para solicitar o indulto para Suso Vaamonde.

  • 1984

    O 26 de febrero regresa voluntariamente a Galicia para iniciar os trámites de solicitude de indulto.

    O 27 de febrero entra no cárcere Pereiro de Aguiar, en Ourense.

    O 12 de abril sae do cárcere tras conseguir o indulto do goberno socialista.

    O 3 de maio ofrece na Alameda de Santiago, no marco da Feria del Libro, o seu primeiro recital tras saír do cárcere.

  • 1985

    O 23 de xaneiro publícase no B.O.E. o indulto de Suso Vaamonde.

    O 10 de febreiro ofrece un recital en Ferrol no Festival de Solidariedade cos Traballadores de ASTANO.

  • 1986

    En setembro coñece a Xosé Neira Vilas nun encontro de escritores na Estrada.

    Os días 30 de setembro, 1 e 2 de outubro grava en Madrid o disco Cantarolas pra xente miúda.

    Os días 29 e 30 de outubro grava en Madrid o disco Menceres.

  • 1987

    Publícase o disco Homenaje a las víctimas del franquismo, que inclúe o tema de Suso Vaamonde Cantiga do amante preso.

  • 1989

    Publícase o disco Homenaje a Celso Emilio Ferreiro, que inclúe o tema de Suso Vaamonde O mozo Daniel.

  • 1994

    Publica o disco de panxoliñas É Nadal.

  • 1995

    Publica o disco Regodobargo.

  • 1997

    Crea o seu propio selo discográfico: Trebón.

    Publica os discos Santiago, mar de pedra e Rapazas, rapaces e rapazadas.

  • 1998

    Publica o disco As palabras dos galegos.

  • 1999

    Publica en colaboración co grupo Código de barras o disco Cousas da lúa, composto por poemas de Roberto Blanco Torres.

    O 12 de novembro recibe unha multitudinaria homenaxe en Salvaterra do Miño.

  • 2000

    O 16 de febreiro morre en Vigo tras varios meses de loita contra un cancro. Tres días despois as súas cinzas son esparcidas no río Oitavén ao seu paso por Regodobargo.

+ -