Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

(As palabras dos galegos. Millán Picouto)

Cantiga de San Paio


INFORMACIÓN

Título:Cantiga de San Paio
Disco:Santiago, mar de pedra (1997)
Letra:Avelino Abuín de Tembra
Música:Suso Vaamonde
Voz:Suso Vaamonde

ESCOITAR / DESCARGAR

CARÁTULA DO DISCO

San Paio de Antealtares
Ten un valado florido.
Nos amenceres é un mastro.
Nos solpores, un navío,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Anda un rechán vagantío,
Onde baila un cataventos
A salmodia dos benitos,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Fixo estaribel de liño,
Por enguedellar salaios
De noivados e martirios,
Na Quintana dos Mortos
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Cingue tellados de vidro.
Polo día, flor de sangue.
Pola noite, flor de trigo,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Come un relouco de xílgaros,
Cereixas de volvoretas,
Cascudas de mouros fígados,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
Navega por mares ríspidos.
Brilla unha estrela nas augas
De ronseis laberínticos,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares,
Estouro descolorido.
A Berenguela é señora.
San Paio, doncel sumiso,
Na Quintana dos Mortos,
Na Quintana dos Vivos.

San Paio de Antealtares
¡foxe do alcume continuo!
San Paio de Antealtares
¡Retoma ó recendo antigo,
na Quintana dos Mortos,
na Quintana dos Vivos.

Para facer unha nova busca, preme aquí.