Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

(As palabras dos galegos. Millán Picouto)

E novamente erguinme e lonxe albíscote


INFORMACIÓN

Título:E novamente erguinme e lonxe albíscote
Disco:Menceres (1986)
Letra:Bernardino Graña
Música:Suso Vaamonde
Voz:Suso Vaamonde

ESCOITAR / DESCARGAR

CARÁTULA DO DISCO

E novamente erguinme e lonxe albiscote
ouh meu amor rostro que non te amas,
perfílote e ti rómpeste en fariña
dilueste en difuso.
Erguinme e vou pairando e vou xuntando
amor os teus fiaños espallados
amor teus amorios partes túas
para facerte único.
Ando de norte a sur de oeste a leste
arrexuntando anacos que ceibaches
nas tascas nos cortellos entre bechos
convócote ao mais puro.
Ando a xunguir teus brazos as túas pernas
teus labios separados os teus dentes
un ollo co outro ollo en par de ollos
nun soio ollar seguro.
Procuro que non teñas unha asa
batendo en porta baixa e outra arriba
onde te agarda o aire verdadeiro
o que conduce ao cumio.
Reclámote a rexión onde xa a morte
non poderá arrasarte en soio area
non poderá entregarte ao gran esquezo
pecharte nos teus muros.
Convócote a ti mesmo a que governes
a ti, as túas rodas, aos teus eixos
remontes peza a peza e reorganices
teu propio ser e rumbo.
Erguinme para erguerte e porque reines
ouh meu amor de amores pequeniños
todo ti enteiro e grande sobre a terra
cara a luz contra o escuro.

Para facer unha nova busca, preme aquí.