Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

(As palabras dos galegos. Millán Picouto)

Sete estrelas para Amador e Daniel (orixinal)


INFORMACIÓN

Título:Sete estrelas para Amador e Daniel (orixinal)
Disco:Sete estrelas para Amador e Daniel (s. d.)
Letra:Darío Xohán Cabana
Música:Suso Vaamonde
Voz:Suso Vaamonde

ESCOITAR / DESCARGAR

CARÁTULA DO DISCO

Altos os corazóns e camiñaban
por vieiros sonámbulos e esperan
coma esguíos piñeiros arelantes,
altos os corazóns coma bandeiras.
Altos os corazóns coma luceiros.
O pobo coma un río sen ribeiras,
o pobo coma un río ilimitado.
Alcipreses de noite mariñeira.
Altos os corazóns igual ca mastros
e un gancho agonizar por sementeira,
e camiñando impávidos na noite
procurando crepúsculos que amenzan.
Altos os corazóns igual ca un pobo
en luz de rebeldía e noite acesa,
igual ca un mar colérico abalante.
Altos os corazóns coma bandeiras.

E morreron os dous baixo das balas
e levantouse a voz do seu motivo
en oubeo rachou a silandeira
escuridade mineral do chumbo.
E morreron os dous asesiñados
sobor do asfalto [...]
rítmicas botas negras tripan lousas
roxas de ardido sangue derramado.
E morreron os dous, foron roseiras
de innumerables rosas coma ríos,
innumerables canles antre o musgo
sucio dos adoquíns que xa non voan.
E morreron os dous igual ca puños
tronzados por un vento de invernía
e as botas á carreira polas rúas
atropallando o sangue e o silencio.

E sonaron os tiros coma [...]
nun confuso sonido inconfundible
e constelouse o chan de sangue en frol
e a frol da primavera non chegaba.
Era marzo, marzán de faz grisalla
e sucios muricegos verde oscuro.
Era marzo, marzán tódalas tardes
e anoitecía cedo a fogonazos
e cairon os homes prematuros
bolboretas marzáns de frol ausente
inda non froreaban as cerdeiras
e a primavera estaba encadeada
sonaron metrallazos e chegaban
noticias coma puños alcendidos.
Constelábase o chan de froles roxas
era de morte a frol da primavera.

Caía o sangue ó chan e lentamente
floreaban roseiras de silencio
inda que a primavera non chegara
inda que a primavera non chegara.
Caía o sangue ó chan e iban nacendo
regueiros de arrepío e máis de cólera
inda que a primavera non chegara
inda que a primavera non chegara.
Caía o sangue ó chan e un paseniño
[...] formaba mares cálidos
inda que a primavera non chegara
inda que a primavera non chegara.
Caía o sangue ó chan, sangue de bala
e nacían roseiras de pistolas
inda que a primavera non chegara
inda que a primavera non chegara.

Onde morren os mortos desta terra
non ergueremos, non, loitos aos túmulos
ergueremos bandeiras coma mans.
O vento contra vento, contra balas.
Onde morren de morte asesiñada
non choraremos, non, molidos prantos
ergueremos palabras coma puños
coma balas galillos alritados.
Onde morren tripados sobre o asfalto
non lavaremos, non, con auga a rúa
lavarémola un día madrugada
con riadas de sangue responsable.
Onde morren os homes que percuran
a vida, o pan, a luz, a libertade,
non se erguerá o esquenzo coma un verme
non se erguerá silencio nin esquenzo.

Era inverno crudel de chumbo e morte
no corazón de aqueles que esqueceran
a verdade dos que ían polas rúas.
Era inverno, mentira e traidoría.
Era inverno crudel e asesiñato,
esprito de ira angosta e cautiverio,
rosas negras, defecación sanguentas,
escumallos de cólera non xusta.
Era inverno crudel e noite pecha,
estridentes balazos fraticidas,
asolacións de botas insolentes,
asoballo bestial incontrolado.
Era inverno crudel e metralleta,
pistola criminal devastadora,
dedo, gatillo, furia desbocada.
Era inverno crudel e frío e morte.

Vede que as albres xa non son tan verdes
e que as follas semellan enloitadas.
Vede que o mar inmenso non se riza
ledamente co vento
que os paxaros non cantan ó mencer
como denantes
e que as volvoretas esmorecen pálidas
que as abellas non voan en bandadas
que as mestas non florean
que as estrelas outra hora destemidas
non se astreven a desvirgar a noitecida xoven
co seu antigo arrouto namorada.

E de noite o silencio patrullaba
agresivo e insolente i era tal
un xigantesco polvo que se mexe
en pávulos viscosos as estrelas
e semellaba un mar de argazos longos,
un leito de auga mais deshidratada,
un ceo bretemoso coma chumbo,
un monte de silencio irremediable.
Era un mortal silencio patrullando
coa boca aberta ansiosa de hemorraxias
coa beleñosa lingua alimentándose
en tódalas feridas que se [...].

Nazan estrelas roxas
constelacións noviñas
lúas [...] de luz
soles estintilantes
albas esplendorosas
moi elevadas albres.
Nazan extensos mares
vigorosas mareas
ríos apaixoados
caravanas de espranza
choivas primaverales
fertilicen o chan.
Xurdan altas roseiras
de frorear rebelde
bacelos nazan verdes
pra chegar en vendimas
e accións de rebeldía.
Xurda fermosa flora
sobre as albas regadas
con sangue froitidor.
Que non enterran montos
A semente do sangue
sexa fértil.
Càlidas primaveras
fragan crebar a vela
da semente enterrada.
Cálidas primaveras
de choiva recrecente
lavaradas variles
coma ríos anchismos
érganse mans pechadas
lume nos corazóns
anchas olas de loita
pobo traballador
anchas olas de loita
pobo traballador.

E morreron os dous baixo das balas
e levantouse a voz do seu motivo
en oubeo rachou a silandeira
escuridade mineral do chumbo.
E morreron os dous asesiñados
sobor do asfalto [...]
rítmicas botas negras tripan lousas
roxas de ardido sangue derramado.
E morreron os dous, foron roseiras
de innumerables rosas coma ríos,
innumerables canles antre o musgo
sucio dos adoquíns que xa non voan.
E morreron os dous igual ca puños
tronzados por un vento de invernía
e as botas á carreira polas rúas
atropallando o sangue e o silencio.

Para facer unha nova busca, preme aquí.