Alfonso Daniel R. Castelao
INFORMACIÓN
Título: | Alfonso Daniel R. Castelao |
Disco: | Concerto en Vigo (1978) |
Letra: | Darío Xohán Cabana |
Música: | Suso Vaamonde |
Voz: | Suso Vaamonde |
ESCOITAR / DESCARGAR
CARÁTULA DO DISCO
Compañeiro Daniel, de vida innumerable
como os astros do ceo e os camiños do mar,
na tebregosa noite da patria inhabitable
témoste no recordo coma unha luz albar.
A ti falo, Daniel, morto lonxe da terra.
Es noso, e a túa luz aluma a escuridá
que nos deixou a historia de tres anos de guerra
en que os lobos mataron a luz e libertá.
Compañeiro Daniel, as pistolas sonaban
e enloitaron cunetas con sangue loitador.
As pistolas sonaban e os bandidos berraban
a terríbel victoria do odio e do terror.
E ti fúcheste lonxe predicar no deserto
pra erguerdes un exército que endexamais loitou.
E morriches un día sin veres entreaberto
o camiño da volta que a túa alma soñou.
Pro na patria abatida e do pobo explotado
nacimos nós, os fillos da morte e do tristén,
percurando furiosos vinganza e novo estado
e unha roxa alborada sin cabo nin comén.
E a ti, bo compañeiro, que o furacán aleive
matou desesperado na outra banda do mar
prometémosche a terra dunha Galicia ceibe
pra enterrar os teus ósos onde teñen que estar.
Para facer unha nova busca, preme aquí.