Sempre intentan confundirme
a verdade cunha lei.
Parvo intento! Hai moitos anos
que a verdade ben a eu sei.

(As palabras dos galegos. Millán Picouto)

Romance de cego in memoriam de F. G. Lorca


INFORMACIÓN

Título:Romance de cego in memoriam de F. G. Lorca
Disco:¡Abolición! (1978)
Letra:Celso Emilio Ferreiro
Música:Suso Vaamonde
Voz:Suso Vaamonde / Verbas Xeitosas

ESCOITAR / DESCARGAR

CARÁTULA DO DISCO

¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Víznar.

O dazanove de agosto
chegou a morte a Víznar.
Entrou vestida de ialba,
pro a ialba nunca virá.

A noite envolta en farrapos
comezou a disparar
relampos diante da ialba
pro a ialba nunca virá.

Levaron a Federico
camiño do máis alá.
Os galos ventan a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Cerrollos de aceiro frío
brilaron na escuridá.
Mentiron luces de ialba,
pro a ialba nunca virá.

Longo túnel de silencio
atravesou a cidá.
Granada pediu a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Murallas de pedra e sombra
coutaron a libertá.
O pobo recrama a ialba,
pro a ialba nunca virá.

Sangue de estrada e cuneta,
pro a ialba nunca virá.
Berros de anguria e carraxe,
pro a ialba nunca virá.

¿A ialba nunca virá?
Meu Federico García
capitán de poesía
morto de noite en Víznar,
dime que ialba virá,
dime que virá.

Tamén aparece en:

CEF na voz de Suso Vaamonde
Lembranza
Primeiro cabodano
Celso Emilio Ferreiro, fotobiografía sonora

Para facer unha nova busca, preme aquí.