Ollos de nenos
INFORMACIÓN
Título: | Ollos de nenos |
Disco: | Noticia da nova canción galega (1996) |
Letra: | Manuel María |
Música: | NA |
Voz: | Manuel María |
ESCOITAR / DESCARGAR
CARÁTULA DO DISCO
Eses nenos labregos de ollos quedos
como o paso do Miño polas chairas
teñen unha fondura que me inqueda.
Ollos azuis como o ceo claro
dun abrente limpísimo de abril
ou dun azul de mar como o das rías.
Ollos mouros o mesmo que unha noite
de choiva e vento no corazón do inverno
nos que non hai o brillo dunha estrela.
Ollos verdes que lembran mesmamente
a luz, case sen vida, das camelias.
Ollos cor cinza, mortas borralleiras,
que o lume da ledicia non queimou.
Ollos pardos en todo semellantes
aos montes ermos, tristeiros, penedíos
nos que agroman apenas as carpazas.
Non sei que de auga queda,
de pozo escuro e insondábel
teñen os nenos labregos de Galiza
na lumieira cansa da súa ollada.
Os nenos labregos son tristeiros:
a súa infancia semella un cárcere.
Daralles tristura ollar a vida?
Sentirán dor ao ollar a terra?
Na súa alma pousaríase a saudade?
Cecais saben, ou tal vez presenten,
que comerán o pan dos emigrantes?
Tamén aparece en:
Ollos de nenos |
Para facer unha nova busca, preme aquí.